Méndez Ferrín presenta un libro en apoio da serra do Galiñeiro

O escritor e presidente da Real Academia Galega recolle máis de trinta anos de artigos e textos sobre a comarca do Val Miñor

O escritor e presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, presenta hoxe un novo libro, Nós, Galiñeiro. O acto será ás 20.00 horas no centro cultural de Vincios, no concello de Gondomar.

O volume, publicado por Universitas Minoris, recolle máis de trinta anos de artigos e textos de Méndez Ferrín nos que aborda diferentes aspectos da comarca do Val Miñor. Os beneficios da venda do libro, que custa 12 euros, permitirán axudar nas súas reivindicacións á Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro, organizadora do acto.

Na presentación do libro Xosé Luís Méndez Ferrín estará acompañado por Antón García, membro da plataforma en defensa do Galiñeiro; Carlos Méixome, do Instituto de Estudos Miñoranos, e Pura González, que conducirá o acto.

Actuacións musicais

Ademais, están previstas tamén as actuacións do coro tradicional Cantares do Brión e Os Irmandiños de Vincios, que levarán a cabo un espectáculo musical e artístico. Por último, os veciños tamén se sumarán á presentación, xa que leran fragmentos da obra de Méndez Ferrín, na que aborda aspectos da comarca do Val Miñor como as lendas, a historia ou a súa persoal paisaxe.