Alegacións contra os eólicos no Galiñeiro

8 Nov

Bo día, defensores e defensoras da serra do Galiñeiro:

Aquí estamos nun momento díficil pedindo o voso apoio. Trátase neste caso de asinar unha alegación en contra do Proxecto do “Parque Eólico Serra do Galiñeiro. Se somos moitos e moitas podemos paralo!!!

É sabido de todos que os polígonos eólicos non se poñen onde hai máis vento, nin onde destragan menos a natureza, nin onde fai máis falla a enerxía, nin onde máis necesidades económicas ten a poboación. Póñense onde menos oposición atopan as multinacionais para a súa construción. Naqueles lugares en que a montaña, as serras ou campo están abandonados, e os seus propietarios e os poucos veciños que alí quedan non teñen nada mellor que facer co monte que entregarllo por “dúas chicas” aos especuladores.

Os e as que formamos a Plataforma pola Protección da serra do Galiñeiro estamos convencidos/as de que este non é o caso da bisbarra de Vigo e menos dos que vivimos arredor desta emblemática serra. Ao Galiñeiro dámoslle moitos usos e tiramos moito proveito del e por riba de todo disfrutamos del.

Pretendemos inundar as Consellerías de Economía e Industria e de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas coas nosas alegacións. Que todo aquel/aquela que sinta o Galiñeiro como seu manifeste a súa oposición a que esta serra nola usurpen e lle sexa entregada por uns míseros euros anuais, e de por vida, a unha empresa da que o único beneficiario que coñecemos é un banco suizo.

Temos ata o 30 de novembro para facelo. Pero como sempre é mellor non deixalo para a última hora. Podes entregar a alegación ti mesmo/a nas dependencias da Xunta en calquera provincia ou nos concellos e outros organismos que teñan portelo único. Pero se tes dificultade para ir a eses lugares podes deixala nos puntos que máis abaixo indicamos antes do 25 de novembro, onde nós as recolleremos e despois as entregaremos todas xuntas.

Por suposto que ti podes facer a alegación que che praza se non che gusta a que che propoñemos. Que saibas que moitas asociacións están preparando a súa e que a Plataforma está traballando para presentar unha moi exahustiva e fundamentada.

Aproveitamos esta comunicación para facervos saber que o mércores día 14 estaremos na manifestación da folga xeral denunciando o problema do Galiñeiro e dándolle á xente a asinar esta alegación. Atoparasnos na praza de España e na praza de América. Así mesmo o venres 16 de novembro ás 7 da tarde estaremos diante do MARCO na rúa do Príncipe en Vigo para recoller o apoio dos veciños de Vigo a esta causa e que todos/as asinen esta alegación.

ONDE DEIXAR AS ALEGACIÓNS:

  1. Entregárnolas a nós nestes actos.
  2.  Entregalas directamente nas dependencias da Xunta ou en calquera “portelo único” dos concellos ou outras institucións.
  3. Nestes sitios que indicamos:
  • Santiago de Compostela: Local de ADEGA. R/ Travesa de Basquiños 9. Horario de oficina.
  • Ponteareas: I:E:S: A Granxa. Horario escolar.
  • O Morrazo: R/ Pamás 2. DOMAIO. (É a Estrada Provincial)
  • Vigo. Centro: Pi y Margall 53: Terra, Deporte e Aventura. Horario de comercio.
  • Vigo. As Travesas: Avd. do Fragoso 43: Imaginarte. Horario de comercio.
  • Gondomar: IEM. Avd. da Feira, 10. De 7 a 10 da noite.
  • Gondomar: Librería Libraida. Horario de comercio.
  • Vincios (Gondomar): Centro Cultural: Nas oficinas. Horario de oficina. ou na cafeteria: Pola tarde e pola noite.

Ánimo! Ánimo! Ánimo!

Descargar alegación.

Advertisements